1º ESO realizou o pasado mércores 6 a súa primeira saída ao concello de Camariñas, concretamente ás fermosas vilas mariñeiras de Camelle e Arou.

Gozamos dun día espléndido de sol e calor, e do máxico legado de Man, o alemán de Camelle, que coas súas construcións e filosofía de vida nos permitiu entender un pouco mellor o noso papel no mundo que nos rodea. Unhas emocionadas explicacións por parte de Susana introducíronnos en ambiente, a marabillosa atención de Borja no museo permitiunos ver o auténtico universo de Man e a tradicional arte das palilleiras en vivo e en directo, así como a fascinación coa que Xosé Manuel Barros, Virxinia e Manolo do submarino nos fixeron entender a necesidade de coidar a natureza e de como, con refugallos, podemos crear obras de arte.

Acto seguido fixemos un pequeno roteiro polo Camiño dos Faros ata a praia de Arou, sempre acompañados por Xabi, Rosana, Luis, Any, Fran, Susana e Marco, e protexidos por Manolo, o noso vixía de Protección Civil que nos alegrou o día coas súas ocorrencias. Rápido momento de relax para regresar ao cole cheos de enerxía renovada.