Radio Barandao

 

San Barandao foi, segundo as lendas tradicionais europeas, un monxe irlandés, que partiu do vetusto porto de Brigantia, onde o mítico Breogán construiu o primixenio faro. Mentres navegaban polo tormentoso mar, a embarcación, xa sen rumbo, rachado o velame e esnaquizados os mastros, achouse completamente perdida. O monxe Barandao quixo oficiar unha misa e invocar a Deus a súa protección, mais os bandazos contra o navío e a fortísima marusía facían imposible que a furia de Eolo acougase. “Se atopásemos unha illa para reparar semellantes desfeitas do noso barco!”, exclamou, apenado. E ao instante, un mariñeiro, desde a proa, oteou no horizonte o que parecía unha pequena elevación que xurdía das augas serenas. “Unha illa a babor!”, gritou con asombro. E tomaron terra naquela illa diminuta onde entusiasmados, agradeceron a Deus ter atopado tal lugar no que refuxiarse e salvar as súas vidas. Terían atopado o paraíso. Mais, ao pouco tempo, un vello lobo de mar expresou: “Isto non é terra, non é unha illa… É unha balea durmida!”. E de pronto, a xigantesca balea, conducida pola corrente das espumosas ondas, achegouse ás costas de Galicia, chegando todos os mariños sans e salvos.

Igual que esta illa mítica, a nosa radio pretende ser ese reduto cheo de entusiasmo, no cal poidamos compartir con toda a comunidade educativa as nosas inquedanzas, explorar ao máximo as nosas destrezas, coñecer e compartir curiosidades, información e sobre todo, proxectos cheos de ilusión. Entrevistas, cultura, ciencia, música… en definitiva, un espazo de proxección para o noso alumnado e que agardamos, gocedes tanto escoitándonos coma nós o facemos tras os altofalantes.

Comezamos a nosa viaxe! Benvidos e benvidas a esta illa máxica, benvidos e benvidas a nosa radio colexial Barandao.

 

Programas emitidos

Novembro de 2021 – Manuel Rivas.

Decembro de 2022 – Antonio Sandoval.

Podcast – Cun pé diante doutro (I)

Podcast – Cun pé diante doutro (II)